miércoles, 22 de agosto de 2007

Arte Relixioso de Riofrío

Igrexa de Riofrío.
A igrexa de Riofrío está adicada a san Miguel.
O templo, que data de 1705 foi construido sobre unha igrexa románica anterior. Presenta porta adintelada recercada de moldutas acodades, flanqueade de pilastras acanaladas, friso e frontón triangular co piñon matado.Toda a fachada está enmarcada con pilastras coroadas con pináculos e leva unha espadaña de tres corpos con doble vano de tres campanas e escaleira exterior de acceso. A sacristía está pegada ó muro sur con crismón no piñón. Posúe no seu interior retablos do século XVII.

Cruceiro da igrexa
Situado nun extremo da praza diante da igrexa parroquial de san Miguel.
Está sobre dous chanzos que lle fan de base, o varal é moi groso, de sección rectangular.Carece de capitel.

Capela do Carballal.
A capela do Carballal está adicada a san Roque.
A ermida de san Roque, na que se celebran festas a san Sebastián (20 de xaneiro) e ó patrón (16 de agosto) é unha edificación de pedra, de modestas dimensións. Na fachada ten a entrada a través dun arco rebaixado e espadaña central de un só vano coroada por unha cruz. Presenta ademáis dúas ventás de aspilleira e pináculos nos extremos.

Cruceiro do Carballal.
Situado a 60 metros da capela de san Roque á súa esquerda, nuha zona máis elevada que a ermida.
Trátase dun cruceiro que se ergue sobre un só chanzo. A base é cúbica, coas arestas superiores rebaixadas e as laterais parcialmente rebaixadas. O varal é liso, de sección cilíndrica, cuberto por capitel de catro lados rectos. A cruz de coroamento e lisa e sen figuras, de sección romboidal, acabada en pico no testeiro e brazos.

Cruceiro e peto do San Miguel. Situado en posición de encrucillada no camiño que vai dende o barrio do San Miguel, cara a igrexa de Riofrío.
O conxunto componse dun cruceiro, unha mesa ceremonial e un peto de ánimas que repousan sobre unha formación rocosa que lles serven de base.
Cruceiro.
Ten unha base cúbica esculpida sobre o propio penedo do que parte o fuste, de sección cadrangular coas arestas rebaixadas, rematado cun capitel cadrado. A cruz é lisa, latina e sen figuras. Peto de ánimas.
Construcción pechada, a xeito de pequena capeliña con tellado cha, coroado por unha peza piramidal qu serve de apoio a unh pequena cruz de pedra cadrangular. Fornelo grande e fondo. Carece de retablo. A escena do purgatorio represéntase na parte posterior, pintada sobre a pedra. Sobre un mar de lapas distínguense as figuras de cinco ánimas, entre elas a de un cura recoñecible polo bonete que leva sobre a cabeza.

Cruceiro de Cernadela.
Situado na parte posterior da capela de San Pedro, no barrio de Cernadela, a uns 50 metros do templo.
Ten como base a moa dun muiño. O varal é curto e estreito, de sección cadrancular ainda que coas arestas tan rebaixadas que parece ter sección octogonal. Ten un colar, tamén octogonal na parte superior e remata nun capitel cadrado coas catro caras lisas. A cruz e latina lisa, de sección romboidal e sen figuras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario